Como funciona

Un Sistema Participativo de Garantía é unha rede de persoas que teñen unha visión común sobre a maneira correcta de facer as cousas, e se axudan mutuamente a mellorar nas súas prácticas.

O SPG é un movemento, un camiño aberto polo que transitamos.

Ao contrario que os sistemas de certificación “de terceira parte”, nos que unha entidade exterior vixía o cumprimento de certos requirimentos para o emprego dunha palabra (“ecolóxico”, “orgánico”, “biolóxico”, etc.) ou a concesión dun selo, nos Sistemas Participativos é a comunidade completa que se apoia e supervisa a si mesma: produtoras, consumidoras e pequenos comerciantes participamos da definición das técnicas que nos parecen desexables e as que nos parécen inadmisibles, e visitámonos unhas ás outras para verificar que os membros do grupo son coherentes con eses criterios.

O SPG é unha comunidade aberta

Non somos un “servizo a profesionais” nin unha etiqueta, senón un grupo que trata de englobar toda a cadea de alimentación. Por iso o potencial do SPG vai máis aló da garantía de boas prácticas que ofrece: podemos crear ferramentas colectivas moi variadas para os membros, e xa estamos avanzando nas primeiras.