Perguntas Frecuentes

faq

¿É o SPG un sistema de certificación oficial?

Non. Quen abala a garantía que supón o noso selo é a comunidade de produtoras, comerciantes e consumidoras que integra o Sistema.

¿Por qué un sistema participativo?

Podemos definir catro tipos de certificación: na certificación de primeira parte son as persoas produtoras as que outorgan a garantía de calidade aos seus produto, na de segunda parte serían as consumidoras. Cando dita labor encárgase a unha entidade allea, sexa de carácter público (Consellos Reguladores) ou privado (como a CAAE en Andalucía), estariamos falando da certificación de terceira parte. Este sistema de certificación, introducido polo regulamento europeo da agricultura ecolóxica, permitiu a gran cantidade de operadores ecolóxicos (produtores e elaboradores) acceder a un mercado moito máis amplo e de maior ámbito xeográfico. O que ocorre é que para moitos produtores de horta locais, a certificación de terceira parte non soluciona gran parte dos problemas propios deste sector, e impón así mesmo certas condicións que poden chegar a resultar excluíntes. Os sistemas participativos de garantía (SPG) recuperan a relación perdida entre as persoas produtoras e consumidoras, ofrecendo a posibilidade de crear un sistema propio de certificación adaptado ás circunstancias e a realidade do grupo.

Nós pensamos que a produción ecolóxica ten que basearse nun acordo entre quen facemos parte do sector. Pensamos que somos moi capaces de decidir entre nos se tal practica é admisible ou non. Pensamos que a garantía dos produtos non a concede un selo, por moi oficial que sexa, senón a rede de confianza entre persoas que ten detrás.

Si, vale, mais… ¿é ecolóxico?

Os produtos certificados polo SPG están producidos sen velenos químicos, ademais o tipo de produción é sempre respectuoso co entorno natural, coa biodiversidade, coa dignidade da terra, das plantas, dos animais e das persoas que as traballan.

O que acontece é que a Unión Europea apropiouse dos adxectivos “ecolóxico”, “biolóxico” e “orgánico”, e llos entregou en concesión ás entidades certificadoras, de tal maneira que, a pesar de producir con respeto absoluto polo medio e pola saúde das consumidoras, está prohibido definir os propios produtos como “ecolóxicos”.

Por este motivo, no SPG A Gavela decidimos usar o termo “agroecolóxico” nos nosos produtos, por consideralo máis amplo que os anteriores e por reivindicar unha terminoloxía que nos parece totalmente lícita.

¿Por que integramos tanto produtoras como consumidoras e comerciantes?

A chave do Sistema Participativo é que pecha o ciclo da produción ecolóxica, da semente ao prato. Para nós, isto non é un negocio, máis ben é un movemento social que vai camiño de replantexar a relación entre a cidade e o campo e entre a sociedade e a natureza. E ese movemento ten que ser dirixido conscientemente por todas as persoas que facemos parte del, non só polas produtoras.

Ademais, a participación de todas axuda a que haxa un debate e un control mutuo, que enriquece o movemento, fortalece a confianza entre nos e multiplica a credibilidade do selo SPG.

Este selo ¿garante as condicións hixiénicas dos produtos?

Non. Para producir e comercializar alimentos, sobre todo elaborados, o estado esixe o cumprimento de moitos requisitos: fiscais, laborais, sanitarios, etc. O SPG non se ocupa diso, aló menos de momento. As nosas visitas non revisan os imposto, nin os permisos urbanísticos, nin as autorizacións de Sanidade. O noso propósito é garantir o cumprimento das condicións de certificación detalladas nos documentos sectoriais, que como xa quedou dito se refiren á produción ecolóxica e respectuosa, á pertenza ao movemento agroecolóxico, ao compromiso social, á produción non capitalista, etc.

¿Que tipo de xente está detrás deste proxecto?

Podes resolver rápido esa dúbida remexendo un chisco na sección “Membr@s” da nosa web, onde atoparás fichas, dados e até fotografías dos membros do SPG. Un perfil que pode resumirnos con bastante precisión é o de persoas que fan parte da agroecoloxía por vocación, non por negocio. Moi motivadas para aprender e avanzar colectivamente, tecendo redes e abrindo camiños pechados. Con poucos medios económicos, mas cargadas de ilusión e disposición ao traballo. Máis habituais de mercados de rúa que do corredor ecolóxico das grandes superficies.