Raiceira

10456229_887355854625765_686597073_n

Penso que antes de presentar o noso viveiro é importante presentarnos a nós, somos Marta e Lolo, criámonos en Vigo mais ningún dos dous se acababa de sentir a gusto na cidade, así que cando os nosos camiños se xuntaron decidimos afastarnos un pouco e comezar a nosa andanza no rural.

O noso ideal sempre foi vivir no rural e do rural, así que nos fomos desvinculando dos sectores nos que viñamos traballando ata o momento.

Compañeirxs labregxs nos falaban da necesidade de que algúen producise plantón de horta en ecolóxico xa que o CRAEG xa non lles permitía empregar plantón convencional. Así que o proxecto do viveiro xurdiu con esa idea, a de obter un selo oficial.

Mais co tempo fomos vendo que ese selo oficial non se adapta á nosa idea da agricultura ecolóxica, sobre todo porque non permite o emprego de semente labrega sen certificar; non lles importa se a semente percorre milleiros de km ata chegar a unha terra e clima totalmente diferentes sempre e cando teña un selo que di que é ecolóxica.

Por iso cando nos enteramos da posibilidade de entrar nun selo participativo de garantía, no que ademáis do máximo respecto pola terra, a fauna e a flora, se valoran outros aspectos coma poñer en valor a semente labrega, os circuitos curtos de distribución… pensamos que sen dúbida esa era a mellor opción para nós.

No noso viveiro producimos sobre todo plantón de horta adaptado ás diferentes épocas do ano, e tanto para as persoas que cultivan unha pequena horta para autoconsumo como para aquelas que se adican profesionalmente á agricultura.

Tamén temos unha interesante variedade de plantas aromáticas e mediciñais, e pouco a pouco queremos ir introducindo novas variedades, tamén ornamentais, árbores e arbustos frutais…

Empregamos substrato obtido da compostaxe de toxo mesturado con casca de piñeiro e estercos animais, producido no concello de Crecente. A este substrato engadímoslle humus de lombriz para darlle máis alimento ás pequenas plantas e unha pequena cantidade de perlita e vermiculita para mellorar a retención de humidade.

As sementes que empregamos obtémolas de diferentes fontes, tanto semente comercial certificada como semente labrega de confianza. En contadas excepcións empregamos semente convencional xa que non sempre é fácil conseguir semente ecolóxica.

O invernadoiro está moi aberto para minimizar os problemas por fungos, polo que as plantiñas se desenvolven protexidas pero ao mesmo tempo adaptadas a un clima bastante duro. Soamente forzamos a xerminación dalgunhas variedades no inverno, co emprego dunha cámara oscura na que a semente se mantén a boa temperatura para asegurar unha alta porcentaxe de xerminación.

O noso viveiro é un invernadoiro de 250m2, pero parte del está ocupado polos cultivos dunha compañeira, así que en ocasións se nos queda pequeno e temos que levar parte da planta para a nosa casa. O invernadoiro está situado en Santa Baia, na parroquia de Lougares en Mondariz.

Estamos abertos ás vosas visitas pero sempre avisando con antelación, xa que non temos un horario fixo para estar alí e ademáis a finca onde está non é nosa e alí viven dúas persoas ás que non hai necesidade de andar a enredar.

Os nosos datos de contacto son:

Marta: 678780234 Lolo: 661603021

raiceira@gmail.com

www.facebook.com/raiceira

IMGP2540

DSC_0100

IMGP2535

IMGP2590

Código SPG:

Código QR:

Código QR